Presentación da 50ª Feira do Viño do Ribeiro no Marco, Museo de Arte Contemporáneo de Vigo

As entidades organizadoras da Feira do Viño do Ribeiro elixiron a Cidade de Vigo para facer a presentación da 50ª Edición deste evento de exaltación do viño do Ribeiro. No Museo de Arte Contemporáneo congregáronse Marcos Blanco Jorge, alcalde de Ribadavia, Miguel Angel Viso Diéguez, presidente do Consello Regulador da D.O Ribeiro, Benigno Campos, representante dos cociñeiros participantes, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, para presentar o programa de actividades que se desenvolverán os días 3, 4 e 5 de maio.

Na súa intervención o cociñeiro Benigno Campos declarouse gran defensor do Ribeiro ao que definiu como “estandarte dos viños de Galicia”. No seu obradoiro de cociña tradicional elaborará unha receta con Viño Tostado do Ribeiro, un viño cuxa elaboración está a ser recuperada entre os adegueiros do Ribeiro.

Pola súa banda o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, referiuse á tradicional cata popular e presentou, como novidade para esta edición, o Concurso “Cociñar con Ribeiro”, onde participaron as Escolas de Hostalería de Galicia con diferentes pratos cociñados con viño Ribeiro. As receitas gañadoras serán presentadas na carpa interactiva da Feria do Viño do Ribeiro o sábado día 4 de maio, a partires das 16.00 horas.

O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, destacou que a organización aposta pola calidade centrada na exaltación do gran protagonista, que é o viño do Ribeiro. Con este obxectivo foi deseñado o programa de actividades que inclúen propostas enoturísticas, como o “Tren dos Viñedos”, ou as enogastronómicas, onde cociñeiros de relevancia, como Pepe Solla desenvolverán obradoiros de harmonía entre alta cociña e viño do Ribeiro.

A cultura tamén ten o seu espazo, sendo Ribadavia berce de ilustres gaiteiros, non podiamos deixar de propoñer a celebración da III Xuntanza Provincial de Gaitas.
“Viño, cultura, tradición e futuro é o que ofrece esta 50ª Edición da Feira do Viño do Ribeiro”, sinala o alcalde ribadaviense.

Abel Caballero, alcalde da cidade de Vigo, fixo especial mención á relación desta cidade e co viño do Ribeiro “definíndoo como parte intrínseca desta cidade”. Destacou a relevancia do Ribeiro a nivel galego, “gastronomía galega e viño do Ribeiro son parte da mesma estirpe, son indisolubles”.

Fonte: Ribeiro.es

Cociñando con viño: Arroz ó Ribeiro

ARROZ Ó RIBEIRO

Ingredientes:
2 vasos de arroz, 300 gramos de peituga de polo, 1 pemento verde, 2 tomates, 1 cebola, 1 allo, 60 gramos de queixo raiado, 75 cl. de viño tinto do Ribeiro, aceite de oliva, pementa e sal.

Preparación:
Trocea a peituga de polo. Pela os tomates, a cebola e o allo e pícaos. Limpia os pementos e cortaos en trociños. Quenta nunha tixola catro culleradas de aceite de oliva, engade o polo e sofríteo ata que quede douradiño. Sacao e reservao.
Na mesma tixola engade as verduras e sofríteas ata que vexas que a cebola queda coma caramelizada, engade agora o arroz e remexe todo durante un minuto máis ou menos. É momento de botarlle o polo, a sal, a pementa e o queixo.
Por último engade o viño e deixa cocer todo durante 20 minutos aproximadamente.
Recorda que se se che pega o arroz hai un truco moi vello, que consiste en tapar a tixola unha vez que o tes repousando cun pano húmido. Proba e xa verás como se che despega!

Bo proveito! e isto ben merece un brindis… 😉

Termas de Prexigueiro, relax en pleno Ribeiro

Moi perto de Ribadavia, a tan só 6 km. da vila pasando Francelos con dirección a Arbo, atópanse as augas do manancial de Prexigueiro. A Vila Termal dispón de 8 termas ó aire libre, 5 de auga quente (entre 37 e 41 graos) , 2 de agua fría, un spa e sauna. Estás termas pertencen ó denominado circuito termal zen “Camino Kumano” (un camiño espiritual no Xapón irmandado co Camiño de Santiago), un centro termal ó estilo onsen que podes desfrutar dende tan só 5€!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Cunha serie de pozas construídas en pedra, son augas sulfurosas, bicarbonatadas e sódicas. É importante resaltar a súa temperatura e seu caudal. En cuanto ás propiedades terapéuticas están indicadas para o tratamento de enfermidades reumáticas, de estrés (tan “de moda” hoxe) e problemas musculares. No edificio contan tamén cunha área de tratamentos: chocolaterapia, envolvemento de algas e, como non, de viñoterapia basados na uva treixadura e na mencía.

Se ademáis vos apetece pasar alí o día dispoñen dunha cafetería bastante comoda cunha bonita terraza, polo que podedes comer ó aire libre se o tempo o permite. Tamén dispoñen dun aparcamento bastante xeitoso na entrada ó abrigo dos piñeiros.