Os brancos e tintos do Ribeiro inspíranlle senlleiras receitas a Pepe Solla

Os “bocados” de Pepe Solla presentáronse na Gala de entrega de Premios D.O. Ribeiro no Mosterio de San Clodio – Leiro.

INSPIRADO NOS VIÑOS BRANCOS DO RIBEIRO
“Bocado de Vieira con puré de apio-nabo e ensalada de flores”
…pola sutileza e elegancia da
vieira, a súa particular textura,
á que aportamos frescor e
acidez a través do marinado.
O toque untuoso, algo graxo,
do apio-nabo e os recordos
florais da ensalada.

INSPIRADO NOS VIÑOS TINTOS DO RIBEIRO
“Tartar de vaca do país con mostaza violeta e pan de sésamo”
….pola frescura dunha carne
vermella sen cociñar,
aderezada cun toque de encurtidos
que outorgan o frescor
e viveza dos viños atlánticos.
Lembranzas balsámicas
da regaliz, ao que se suma o
aporte goloso da froita vermella
madura da mostaza violeta
e os tostados do sésamo.

Fonte: Ribeiro.es

Técnica e Novas: novo boletín da Asociación Galega de Viticultura

Desde o mes de xuño sae semalmente, como servizo aos asociados e asociadas da AGV o boletín Técnica e Novas, que supón unha ferramenta áxil e útil para as necesidades da nosa viticultura, con especial seguimento das problemáticas agronómicas como a fitopatoloxía, as técnicas de manexo, solos, etc.

Tecnica e novasTamén recolle os informes sobre situación vexetativa do cultivo nas diferentes bisbarras do país, así como as recomendacións que elaboran os técnicos-as da AGV e informacións valiosas sobre insumos diversos como os fitosanitarios e adubos, e calquera outra innovación de interese. Se quere estar á última non dubide en asociarse á AGV.

En próximos números incluíremos aspectos relacionados coa elaboración do viño e que queremos que se integren na filosofía de que viña e adega están conectados e nesa relación están as chaves que temos que coñecer para mellorar o produto final.

Como exemplo pode descargar o boletín nº 2 do mes de maio Boletín Técnica e Novas AGV nº 2

Fonte: Asociación Galega de Viticultura

Premios D.O. Ribeiro 2013

Una ampla representación do sector do viño e a gastronomía en España está convidada a participar neste acto no que se darán a coñecer os viños gañadores da Cata Oficial da D.O. Ribeiro, ademais de adicar un recoñecemento a profesionais e traxectorias destacadas no mundo da comunicación e a hostalería.

premiosDOribeiro2013O vindeiro mércores 19 de xuño ás 12.30 horas no Mosteiro de San Clodio (Leiro) a Denominación de Orixe Ribeiro celebra o seu gran evento anual. Máis dun centenar de profesionais están invitados a participar nesta cita, que reunirá ao sector produtivo do Ribeiro con personaxes destacados do panorama gastronómico, da hostalería e da comunicación en España.

Na gala, concederanse os premios da Cata Oficial da D.O. Ribeiro nas súas diferentes categorías: Mellor Viño Branco Adega, Mellor Viño Branco Colleiteiro e Mellor Viño Tinto. Ademais as adegas da D.O. brindarán a súa particular homenaxe a aqueles que están contribuíndo á profesionalización e difusión do mundo do viño, pois son elas mediante un sistema de votación quen decidirán os gañadores dos premios nas modalidades: Mellor Tarefa de Comunicación, Mellor Tenda Especializada, Mellor Servizo de Viño no Restaurante e Mellor Taberna-Bar de Viños; así como o “Persoeiro de Honra 2013” distinción coa que se recoñece unha traxectoria a favor da Denominación de Orixe Ribeiro. Tamén se entregará o premio á escola gañadora do concurso promovido entre as escolas IES de Hostalería “Cociñar con Ribeiro”, celebrado no contexto da Feira do Viño e no que se impuxo o IES de Foz.

Son moitas as caras coñecidas que participarán activamente nesta cerimonia que este ano celebra a súa segunda edición e que incluirá sorpresas como a presentación da imaxe e do novo vídeo promocional da D.O. Ribeiro. Trala gala concederase un cóctel no que colaboran o Mosteiro de San Clodio e o cociñeiro Pepe Solla, que intentará trasladar a tódolos asistentes un menú gastronómico inspirado nas elaboracións máis características dos viños do Ribeiro.

Como reforzo a unha intensa convocatoria e para favorecer a difusión dos premios, o Consello Regulador acolle ademais desde o luns 17 a visita dun grupo de xornalistas e bloggers, que durante os días previos á gala farán un percorrido polas adegas da D.O. Ribeiro visitando ademais os principais enclaves e participando nas actividades enoturísticas de referencia na comarca.

ALGÚNS DATOS DA CATA OFICIAL

A Cata Oficial da D.O. Ribeiro está aberta á participación dos viños brancos da colleita 2012 e viños tintos das colleitas 2011-2012, todos eles de variedades preferentes, elaborados polas adegas inscritas na D.O. Ribeiro. Na actual edición participan un total de 35 mostras, 25 viños brancos e 10 viños tintos, que son xulgadas en cata a cegas por un panel de expertos.

A pasada semana celebrouse na sede do Consello Regulador a precata, na que se clasificaron 6 viños por categoría a concurso. O vindeiro martes 18 de xuño celebrarase a cata final, esta vez con mostras de mercado. Os resultados faranse públicos no transcurso da gala, o mércores 19 de xuño.

Fonte: Ribeiro.es