Podando nos días de Lúa minguante

Andamos estas dúas últimas semanas traballando a reo nas viñas, pois xa comezamos a poda! Facémola un pouco tardía pois desa maneira os brotes sairán tamén un pouco máis tarde cando o risco de ser queimados polas xiadas sexa algo menor.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Por que coa Lúa minguante?
Pois niso facémoslle caso aos nosos antergos, que nos falaban moito da influencia da Lúa na terra, nas prantas e nos froitos, e nos recomendaban facer a poda no cuarto minguante que é cando o satélite menos influencia ten na cepa pois a savia mantense na raíz facilitando que os cortes curen mellor.

Guyot dobre
Hai moitas modalidades de poda e nós practicamos a conocida como Guyot dobre, unha modalidade moi típica dos viñedos de Burdeos e da Borgoña que consiste en escoller dúas boas ramas, que serán os brazos horizontais, e dous pulgares (cotóns) dos que sairán os brazos do ano que vén.

“Cociñeiro do Ano”, a distinción ao mellor chef galego

O Fórum Gastronómico e La Voz de Galicia outorgan o premio Cociñeiro do Ano por vez primeira neste 2014. Cinco son os candidatos que optan a dita distinción, sendo os elixidos desta ocasión: Álvaro Villasante, Diego López Portas, Lucía Freitas, Dani Guzmán e Diego Belo. Da súa designación ocupouse un xurado integrado por expertos en gastronomía, entre os que se contan cociñeiros, xornalistas e escritores. O nome do gañador desvelarase o domingo 23 de febreiro no Fórum Gastronómico da cidade Herculina.

Cociñeiro do ano

Os candidatos foron seleccionados atendendo, entre outros criterios, á utilización de produtos galegos, a sensibilidade cos cultivos ecolóxicos, a capacidade de innovación, a atención á alimentación saudable e a relación calidade-prezo da súa cociña.

Os chefs seleccionados:
Álvaro Villasante, do restaurante Paprica (Lugo): formado ás ordes de Sergi Arola e Ángel Palacios.
Diego López, da Molinera (Lalín): Cocido e vangarda gastronómica integran a súa explosiva combinación.
Lucía Freitas, da Tafona (Santiago): meticulosidade e un don especial para o doce.
Dani Guzmán, de Nova Restaurante (Ourense): o mediático condutor de «Ata a cociña..!», de V Televisión.
Diego Belo, do Alborada (A Coruña): campión galego de cociñeiros e seguidor de Michael Bras.

No portal web www.cocineirodoano.com pódese votar aos distintos candidatos ata o día 18 de febreiro. Entre todos os participantes sortearanse 5 comidas para dúas persoas en cada un dos restaurantes nominados.

Durante o congreso da Coruña daranse a coñecer tamén os Premios Picadillo, un recoñecemento que a organización do Fórum Gastronómico fai á traxectoria de profesionais de distintos ámbitos que destacaron nalgunha faceta da gastronomía galega. Tamén acollerá o Concurso de Pulpeiras e Pulpeiros e os II Premios Ouro Doce organizados por Mel de Galicia.

A importancia do magnesio na viticultura

“Chega o momento de comezar cos traballos de mantemento do solo no cultivo de viñedo, para os que o encalado vén sendo unha tarefa imprescindible nas nosas superficies, dadas as xa coñecidas condicións de pH baixo.” comentanos Alberte Momán Noval, de Calfensa Proxectos S.L.

magnesioNo proceso de encalado, xogan un papel moi importante as achegas que poidamos realizar de calcio como elemento, pero na mesma medida de magnesio, xa que, nas condicións normais dos nosos solos, este é un elemento que, malia ser esencial, está pouco presente para as prantas.

Debemos lembrar que o magnesio forma parte da clorofila, actuando consecuentemente na actividade fotosintética da pranta, propoñéndose como esencial para o metabolismo dos glícidos, e como vehículo do fósforo aumentando a súa asimilación. Actúa na formación das graxas, proteínas e vitaminas. Axuda ao mantemento, xunto co potasio, da turxencia das células.

Con niveles de pH inferiores a 5, pódense detectar carencias de magnesio, o que produce un debilitamento xeral da cepa, redución do nacemento de pámpanos, lento desenvolvemento do tronco e limitación do crecemento radicular, así como a redución na frutificación.

Por iso as achegas de magnesio que podamos realizar no proceso de encalado serán as que cubran as necesidades do cultivo da vide durante o período produtivo.

Máis información en www.calfensa.com