6 factores influintes na calidade do viño

Hoxe querémosche explicar como o viño, unha bebida obtida a partir do mosto da uva, nos permite aos productores elaborar caldos con características tan diferentes partindo dunha mesma variedade. Un dos puntos clave polo que o facemos é polas tradicións enolóxicas da nosa zona, polos gustos que os consumidores demandades de certos tipos de viño ou mesmamente polo noso propio gusto á hora de producilos.

ribeiro

Polo xeral existen 6 factores que influen no estilo final dun viño:

1. A variedade da uva: Existen máis de 3.000 variedades da pranta vitis vinifera que se utilizan e serven para producir viño en todo o mundo, isto dá un gran e amplo abanico de posibilidades e producións de distintos tipos de viños, cavas ou Chapagnes.
2. O Clima: é un factor determinante no ciclo vexetativo da pranta, dende o repouso vexetativo, ata a maduración e a caída da folla, sendo este factor dos máis importantes para ter unha vendima de calidade que marcará a súa excelencia. Non é o mesmo o clima húmido e frío do norte de Centroeuropa que o seco do norte de Africa.
3. As choivas e as temperaturas son claves e as zonas con temperatuas inestables, poden significar danos importantes no viñedo. Por dar algúns exemplos, nos anos 1984 e 1985, o norte de Francia rexistrouse temperaturas moi baixas que destruíron moitos viñedos. En 1992, o verán en Burdeos foi moi abundante en choivas e con moi poucas horas de sol e traduciuse en viños de carácter acedo e sen corpo pola falta dunha correcta maduración da uva.
4. Os distintos tipos de chans, son claves e moi importantes, a vide é unha das prantas que progresan alí onde ningún outro cultivo pode facelo, os chans pódense clasificar por dous tipos, os chans pobres, que dan baixos rendementos pero viños de calidade e os chans ricos, que os seus rendementos son altos para viños de calidade.
5. Viticultura ou método para cultivar que utiliza cada productor de viño durante todo o ano, onde podemos atoparnos con métodos tradicionais, ecolóxicos, biodinámicos ou combinados.
6. Vinificación ou forma de transformar as uvas en viño, habendo cada vez máis distintos tipos, dende o pisado de uva tradicional, aos distintos procesos de estrujado, despalillado ou prensado que utilice cada productor.

Como ves, hai moitos factores que marcan a personalidade dun viño, e dende as adegas temos que xogar con todos eles para lograr elaborar unha bebida que estea á altura do que ti como consumidor nos requires. Agardámos telo conseguido! Saúde! 😉

Versos e viño: “Teño o corazón senlleiro”

Que mellor maridaxe se pode facer que o da poesía e o viño? Pois para celebrar a entrada da primavera, hoxe na Despensa presentámosche este poema de Celso Emilio Ferreiro titulado “Teño o corazón senlleiro” do libro “Viaxe ao país dos ananos” publicado en 1968.

Senlleiro

TEÑO O CORAZÓN SENLLEIRO

Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.

Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.

Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.

Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.

Está mudo o reixiñol
que outrora cantar solía.

Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.

Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía…

Ela fía i eu confío
no albor do novo día.

Fundación Celso Emilio Ferreiro

O recinto da Feira do Viño deste ano colga o cartel de “Completo”

Desta volta, antes de que concluíse o prazo, 21 colleiteiros e 8 adegas completaron o cupo de expositores da 51 edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará en Ribadavia entre o 2 e o 4 de maio.

A cita levantou bastante expectación, e mesmo dende o Concello, en calidade de organizadores da feira en colaboración co Consello Regulador do Ribeiro, se amosou a súa “satisfacción co proceso, xa que este ano as adegas e colleiteiros participantes realizaron a inscrición con antelación ao remate do prazo, motivadas polo seu interese en formar parte dun evento gastronómico que cada ano que pasa está a ter máis importancia e prestixio a nivel nacional”.

As adegas, colleiteiros e organizadores seguimos a traballar na planificación deste evento que congregará a milleiros de #winelovers na capital comarcal en menos de dous meses.

Agardámoste alí!

Fontes: Benbo.eu, Ribeiro Dixital, La Voz de Galicia