Pepe Solla, a visita senlleira desta Feira 2013

O sábado día 4 de maio a iso das 12:30 am. tivemos o pracer de contar coa presenza do chef  Pepe Solla (Casa Solla, unha Estrela Michelín) impartindo a conferencia inaugural das actividades enogastronómicas celebradas no recinto da Feira na Alameda de Ribadavia. Media hora despois deleitounos cun taller de cociña ó que bautizou co nome “A cociña do mar”, un taller moi creativo donde compartiu con todos os presentes os descubrimentos na maridaxe de sabores traídos de todo o mundo e os nosos productos do mar, grazas as súas viaxes, e como estes teñen unha perfecta armonía cos Ribeiros, brancos e tintos, realizados con esmero coas mellores uvas autóctonas da Denominación, e en especial os elaborados polos colleiteiros, que o seu parecer resultan ser pequenas xoias.

Logo pola tarde, e tal e como nos prometera (como el dí “son un home de palabra”) pasouse polo noso stand a visitarnos, tomarse un viño con nós e charlar tranquilamente. Definitivamente queda claro que malia todo o éxito obtido grazas ó seu esforzo, Pepe Solla sigue sendo unha gran persoa cos pés moi ben postos na terra. Temos o orgüio de contar cun parente tan distinguido, toda unha figura Senlleira do mundo da cociña. Parabéns Pepe.

Nova imaxe para os viños de Adega María do Pilar

Este fin de semana fixemos coincidir xunto coa 50 edición da Feira do Viño do Ribeiro a presentación da nova imaxe dos nosos viños, e desa maneira, esta feira tan especial valeunos como escaparate para mostrarvos o resultado do traballo levado a cabo no deseño das novas etiquetas. Demoslle unha imaxe moito máis actual e engadimoslle moita máis información na contraetiqueta, na cal por medio de iconos  indicamosvos as variedades, a temperatura de servizo e ata pratos cos que maridar o viño!

Para os que non poidestedes visitar o noso stand na Alameda de Ribadavia, subímosvos unhas fotiños. E aínda que de todos xeitos comezaredes a ver pola rúa a nova imaxe do viño branco Senlleiro, do tinto Rechamante, e de Porta da Raíña, unha edición especial de tan só 1332 botellas de treixadura sobre lías, velaí as tedes!

Remata outra senlleira edición da Feira do Viño do Ribeiro, e xa van 50!

Estamos xa coa conta atrás, a xente comeza a mirar os reloxos e preguntarnos “canto falta para que pechedes?”, e nós, logo de tres días cunha climatoloxía formidable e orguiosos de homenaxear un ano máis ó Ribeiro e os seus viños, vémonos na obriga de contestarlles “pois en nada, dentro dun anaco xa pechamos”. E así, case sen darnos de conta remata outra edición máis da Feira do Viño, unha edición senlleira na que poidemos desfrutar de exposicións, mostras de artesanía, talleres de cociña da man dun galego tan internacional como Pepe Solla, cociñeiro membro do grupo nove que conta cunha estrela michelin, e Benigno Campos que nos volveu ensinar os trucos da cociña tradicional, ademáis de concunsos de cociña coas mellores escolas de hostalaría galegas, e como non… viño, moito viño e moi bo.

This slideshow requires JavaScript.

Agora, a sabendas de que as despedidas son moi tristeiras, o mellor que podemos facer é convidarvos a que volvades o ano que ven!! Agardamosvos 😉