Programación da 50ª Feira do Viño do Ribeiro

A tan só unha horas de dar pistoletazo de saída a 50ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, e xa case saboreando os tres días de festa (3, 4 e 5 de maio) que nos agardan, cun feixe de actividades na axenda como cursos, catas, exposicións, concursos, obradoiros, actuacións musicais, etc, é un pracer para a Adega presentarvos a Programación desta Feira do Viño 50 veces especial:

ACTOS PREVIOS:

EXPOSICIÓN “EXPOSICIÓN DOS 50 ANOS DE HISTORIA DA FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO”.
Inauguración: 2 de maio de 2013, ás 20.00 h. Permanecerá exposta durante os dous meses posteriores.
Lugar: Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Horario: Martes a Venres, de 10:00 h a 14:30 h e de 16:00 h a 20:00 h
Sábado e Domingo: 11:00 h a 14:30 h

EXPOSICIÓN “CARTEIS PRESENTADOS AO CONCURSO DE SELECCIÓN DA 50ª FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO”.
Lugar: Local Social da Madalena, en Ribadavia.
Horario: Venres: de 18:00 – 22:00 h / Sábado: de 12:00 – 14:00 h e de 16:00 – 21:00 h

CATA POPULAR
A Cata Popular da Feira do Viño está organizada polo Consello Regulador. Está dirixida ao público en xeral e a súa orixinalidade radica en que o público é o que cata e premia os mellores viños segundo o seu criterio. As marcas participantes son as presentadas polas adegas presentes na feira e serán catadas a cegas, é dicir, sen coñecer o nome do viño. Dela sairán galardoados os mellores viños así como os mellores catadores.

programa 50 feira viño ribeiro

Descarga o Programa completo dos días 3, 4 e 5 de maio premendo nesta imaxe:

Presentación da 50ª Feira do Viño do Ribeiro no Marco, Museo de Arte Contemporáneo de Vigo

As entidades organizadoras da Feira do Viño do Ribeiro elixiron a Cidade de Vigo para facer a presentación da 50ª Edición deste evento de exaltación do viño do Ribeiro. No Museo de Arte Contemporáneo congregáronse Marcos Blanco Jorge, alcalde de Ribadavia, Miguel Angel Viso Diéguez, presidente do Consello Regulador da D.O Ribeiro, Benigno Campos, representante dos cociñeiros participantes, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, para presentar o programa de actividades que se desenvolverán os días 3, 4 e 5 de maio.

Na súa intervención o cociñeiro Benigno Campos declarouse gran defensor do Ribeiro ao que definiu como “estandarte dos viños de Galicia”. No seu obradoiro de cociña tradicional elaborará unha receta con Viño Tostado do Ribeiro, un viño cuxa elaboración está a ser recuperada entre os adegueiros do Ribeiro.

Pola súa banda o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, referiuse á tradicional cata popular e presentou, como novidade para esta edición, o Concurso “Cociñar con Ribeiro”, onde participaron as Escolas de Hostalería de Galicia con diferentes pratos cociñados con viño Ribeiro. As receitas gañadoras serán presentadas na carpa interactiva da Feria do Viño do Ribeiro o sábado día 4 de maio, a partires das 16.00 horas.

O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, destacou que a organización aposta pola calidade centrada na exaltación do gran protagonista, que é o viño do Ribeiro. Con este obxectivo foi deseñado o programa de actividades que inclúen propostas enoturísticas, como o “Tren dos Viñedos”, ou as enogastronómicas, onde cociñeiros de relevancia, como Pepe Solla desenvolverán obradoiros de harmonía entre alta cociña e viño do Ribeiro.

A cultura tamén ten o seu espazo, sendo Ribadavia berce de ilustres gaiteiros, non podiamos deixar de propoñer a celebración da III Xuntanza Provincial de Gaitas.
“Viño, cultura, tradición e futuro é o que ofrece esta 50ª Edición da Feira do Viño do Ribeiro”, sinala o alcalde ribadaviense.

Abel Caballero, alcalde da cidade de Vigo, fixo especial mención á relación desta cidade e co viño do Ribeiro “definíndoo como parte intrínseca desta cidade”. Destacou a relevancia do Ribeiro a nivel galego, “gastronomía galega e viño do Ribeiro son parte da mesma estirpe, son indisolubles”.

Fonte: Ribeiro.es

Unha exposición percorrerá a Feira do Viño do Ribeiro dende 1964

O Concello de Ribadavia propuxo unha nova actividade encamiñada a celebrar os 50 anos da Feira do Viño do Ribeiro. Trátase dunha exposición que ofrece ao visitante un percorrido polas diferentes edicións da feira dende a primeira celebración, no ano 1964, ata a número 50 e que se poderá visitar entre os días 3, 4 e 5 de maio, coincidindo coa celebración.

I feira ribeiro 1964O material para elaborar a exposición procede dos fondos dispoñibles no Museo Etnolóxico de Ribadavia, que será a entidade que coordine a edición.

Está estruturada en once paneis, un adicado especificamente á primeira celebración da Feira do Viño e os dez restantes agrupan as edicións en períodos de cinco anos. Cada panel inclúe imaxes, documentos, programas, artigos de prensa, ademais de textos explicativos do quinquenio correspondente. Estará accesible para o público no patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Ademais estudarase a posibilidade de ofertala a outras entidades que puidesen estar interesadas na súa exhibición tanto a nivel provincial como autonómico.

Fonte: Voz de Galicia