Rexurde a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro cunha vocación internacional

image

A Asociación presentouse ao público no Nautico de Castrelo, á beira do río Miño

Organizar e participar en accións promocionais para fomentar a imaxe do colleteiro, dando a coñecer a calidade e personalidade propia dos seus viños, e asegurar o relevo xeracional nesta profesión no Ribeiro.

Estes son os obxectivos principais cos que vén de relanzarse a Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro, cuxas orixes se remontan a 1998, cando nacía como entidade sen ánimo de lucro. Sen embargo, o “proxecto inicial foise diluíndo co paso dos anos ata que a principios de 2015 decidiuse relanzar a asociación, culminando este proceso este mes de xuño coa elección dunha nova xunta directiva”.

O novo equipo directivo destaca pola súa xuventude, cunha media de idade de 32 anos, e deste xeito reflíctese a “esa aposta polo relevo xeracional dos colleteiros”. O seu presidente é Brais Iglesias (Bodegas Val do Souto), de 28 anos; o seu videpresidente, Manuel Formigo ten 35 anos; mentres que o secretario, Alejandro Montero (Bodegas Antonio Montero), ten 23; o tesoureiro Alfredo Fernández (Adega Pousadoiro), 49, e o vogal Mauro Estévez, 25.

Entre os seus socios, esta entidade inclúe, segundo explican, “a dúas xeracións: aos colleteiros máis maiores, que aportan a súa ampla experiencia e sabio consello, xunto a unha nova xeración que na súa maioría ten estudos universitarios” e que “quere explorar novos horizontes, buscar novos mercados onde dar a coñecer a figura do colleiteiro e a rexión do Ribeiro”.

Dende esta asociación tamén se agradece a colaboración neste proxecto do Concello de Castrelo de Miño, que lle cedeu de forma gratuíta unha oficina, ademais de pór á súa disposición “unha sala de xuntas e unha zona de exposicións”.

Inícianse os preparativos da 51 Feira do Viño do Ribeiro

Está aberto o prazo para inscribirse na Feira do Viño do Ribeiro deste ano ata o 5 de marzo, que alcanzará a 51 edición. Organizadores, adegueiros e colleiteiros xa celebraron unha primeira reunión de aproximación a este certame feiral, que pretende ser este ano referente das actividades enogastronómicas e da cultura do viño.

A 51 edición da Feira do Viño do Ribeiro, incidirá no apoio e implicación do sector vitivinícola da bisbarra, coa pretensión de que o certame feiral se consolide máis como referente de actividades enogastronómicas e da cultura do viño. Os adegueiros, pola súa banda, insisten en que é preciso reforzar a Feira con máis actividade paralela, de modo que, ao tempo que dinamice o certame durante os días que dura, atraia a máis público a Ribadavia.

Son dúas das conclusións obtidas na primeira reunión que os organizadores do certame feiral, co Concello de Ribadavia e o Conselo Regulador da D.O. á cabeza, celebraron para ir preparando esta nova edición. As datas deste 2014 serán as dos días 2, 3 e 4 do mes de maio, sen cambio de situación: o recinto da Alameda da capital do Ribeiro.

No transcurso desta primeira reunión, os organizadores xa avanzaron algunhas das actividades coas que contará esta nova edición, o que trasladaron xa a adegas e colleiteiros da bisbarra, así como algunhas que outras novidades.

Xa quedou aberto o prazo de inscrición para participar nesta nova edición feiral ata o próximo día 5 de marzo no Concello de Ribadavia. Así como tamén xa están publicadas as Bases para o Concurso de Carteis da 51ª Feira do Viño do Ribeiro 2014 que podedes consultar aquí: info@ribeiro.es

Descargas: Ribeiro.es
Fonte: Ribeiro Dixital

Ribeiros do Miño: unha ruta polos viños de autor de tres adegas singulares

O Ribeiro, a denominación de orixe máis antiga de Galicia, situada na zona occidental da provincia ourensá e rodeada de exuberante vexetación formada por carballos, castiñeiros e piñeirais, inmensos pazos, pontes romanas, igrexas, capelas románicas, centos de hórreos e cruceiros que saen ao encontro do viaxeiro. Ese é o comezo da historia de hoxe e o punto de partida para chegar a Castrelo de Miño, cuna de tres senlleiras adegas que forman parte da Ruta do Viño do Ribeiro.

Adega María do Pilar

Adega María do Pilar é unha adega de colleiteiro situada en Casardeita, unha pequena aldea encravada na zona alta do concello de Castrelo de Miño, corazón da Denominación de Orixe Ribeiro. Un encantador lugar donde está arraigada a adega, as viñas e a nosa familia dende fai moitas xeracións.

Fundada en 1959 polo noso antepasado Manuel Vázquez López “O Deputado” logo de voltar de Vigo coa súa dona e súa filla, deixando atrás unha casa de comidas que rexentaba no Barrio da Pedra. Manuel apostaba así polo rexurdir de algo no que cría con firmeza, O Ribeiro.

A seguinte xeración decidimos continuar o traballo que el comezara e así recentemente en 2003, a súa filla, María do Pilar, remodela a adega dotándoa de toda a tecnoloxía necesaria para elaborar uns viños que estiveran á altura do que hoxe o consumidor esixía.

Dende os nosos comenzos cremos na calidade das variedades autóctonas e no coidado tradicional das viñas, por iso traballamos diariamente as nosas fincas coa única intención de ofrecerlles moito máis que un viño, elaborando con agarimo estes Ribeiros exquisitos.

Desfruten con nós de sensacións novas!

Adega Pousadoiro

En Barral, moi cerca do Miño, case tocando as súas augas atópase a Adega Pousadoiro. A historia desta adega xa ven de incontables xeracións aínda que modernamente hai 25 anos plántase unha viña nova con variedades autóctonas. Xa máis recemente modernízanse as instalacións.

Nesta aposta decidida de adaptación ás novas tendencias do mercado do viño, recoñecemos que a imaxe é un factor inseparable. Por eso fixéronse novas instalacións, nunha casona labrega tradicional, pertencente aos antepasados da familia, co senso de poder amosar os viñedos e a adega aos clientes. Este proxecto nace tamén para establecer no Ribeiro unha ruta turística polas adegas tradicionais, cunha clara distinción cara aos viños de autor.

Fermosa adega de colleiteiro na que toda a súa producción provén das propias viñas, o que lle confire ó viño unha personalidade única.

Adega Eduardo Peña

No lugar de Barral, fronte ó Miño e o seu Clube Nautico destaca a nova Adega Eduardo Peña, inquedo e coñecido empresario da hostelería e gran amante e promotor de jazz. A partir da terraza case transparente de vertixe, obsérvase unha paisaxe espectacular.

A adega integrada na paisaxe xurde na procura de aire a través dunha cheminea vertical, unha corrente de aire continua e graduable á vountade, a través de condutos baixo o terreo, que evita o uso de medios mecánicos e mantén unhas condicións óptimas para a elaboración do viño. Coa conseguinte optimización enerxética. É un achegamento ao xeito tradicional de construir a adega. A solución proposta baease na idea de ocultar no posible a peza onde se elaboran os caldos mediante a súa incorporación ao terreo aproveitando o desnivel da viña. Este feito ten a cualidade de preservar a peza dos cambios de temperatura exterior. O ambiente enterrado permanece a temperatura constante de 14º e 15º en inverno e verán respectivamente.

Este feito, xunto coa calidade e modernidade dos seus viños Eduardo Pena e María Andrea, con só uns poucos anos de vida, conseguiron converterse nunha referencia de alta calidade, facendo desta adega unha paraada obrigatoria.