“Cociñeiro do Ano”, a distinción ao mellor chef galego

O Fórum Gastronómico e La Voz de Galicia outorgan o premio Cociñeiro do Ano por vez primeira neste 2014. Cinco son os candidatos que optan a dita distinción, sendo os elixidos desta ocasión: Álvaro Villasante, Diego López Portas, Lucía Freitas, Dani Guzmán e Diego Belo. Da súa designación ocupouse un xurado integrado por expertos en gastronomía, entre os que se contan cociñeiros, xornalistas e escritores. O nome do gañador desvelarase o domingo 23 de febreiro no Fórum Gastronómico da cidade Herculina.

Cociñeiro do ano

Os candidatos foron seleccionados atendendo, entre outros criterios, á utilización de produtos galegos, a sensibilidade cos cultivos ecolóxicos, a capacidade de innovación, a atención á alimentación saudable e a relación calidade-prezo da súa cociña.

Os chefs seleccionados:
Álvaro Villasante, do restaurante Paprica (Lugo): formado ás ordes de Sergi Arola e Ángel Palacios.
Diego López, da Molinera (Lalín): Cocido e vangarda gastronómica integran a súa explosiva combinación.
Lucía Freitas, da Tafona (Santiago): meticulosidade e un don especial para o doce.
Dani Guzmán, de Nova Restaurante (Ourense): o mediático condutor de «Ata a cociña..!», de V Televisión.
Diego Belo, do Alborada (A Coruña): campión galego de cociñeiros e seguidor de Michael Bras.

No portal web www.cocineirodoano.com pódese votar aos distintos candidatos ata o día 18 de febreiro. Entre todos os participantes sortearanse 5 comidas para dúas persoas en cada un dos restaurantes nominados.

Durante o congreso da Coruña daranse a coñecer tamén os Premios Picadillo, un recoñecemento que a organización do Fórum Gastronómico fai á traxectoria de profesionais de distintos ámbitos que destacaron nalgunha faceta da gastronomía galega. Tamén acollerá o Concurso de Pulpeiras e Pulpeiros e os II Premios Ouro Doce organizados por Mel de Galicia.

Receitas de outono: Coello con castañas

Propóñovos para celebrar ó quente estes días cristiáns e pagáns de Todos os Santos e Samaín, cunha receita que veu parar a este blog logo de dar unhas cantas voltas polo mundo. Esta receita é orixinaria do Restaurante San Miguel, sito na cidade das Burgas, e veño de apañala da páxina de Galicia Espallada, web de emigrantes galegos con dominio arxentino.

COELLO CON CASTAÑAS

Ingredientes para 6 persoas:
2 coellos,
1/2 kg. de castañas crúas,
250 g. de xamón do país,
2 dentes de allo,
1 cebola,
2 cenorias,
1 sobre de azafrán en rama,
un pouco de maicena
1 copa de coñá,
1 copa de xerez seco,
sal,
aceite.

Preparación:

Nunha cazola ó lume poñémo-lo coello partido co aceite e un dente de allo. Unha vez dourado, engadímo-lo xamón, a cenoria e a cebola ben cortados xunto co azafrán e o outro dente de allo. Botámoslle o coñac, o xerez e un pouco de caldo branco, dándolle unha pouca de espesura ó prebe con algo de maicena. Deixamos cocer uns 40 minutos, probámo-lo sal e engadímoslle as castañas, que tiñamos cocido antes. Prato moi recomendado para acompañar cun bo viño tinto do país.

Deixovos tamén un video moi recomendable de Dani Guzmán preparando un prato semellante en VTelevisión.

Bon proveito 😉