O recinto da Feira do Viño deste ano colga o cartel de “Completo”

Desta volta, antes de que concluíse o prazo, 21 colleiteiros e 8 adegas completaron o cupo de expositores da 51 edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará en Ribadavia entre o 2 e o 4 de maio.

A cita levantou bastante expectación, e mesmo dende o Concello, en calidade de organizadores da feira en colaboración co Consello Regulador do Ribeiro, se amosou a súa “satisfacción co proceso, xa que este ano as adegas e colleiteiros participantes realizaron a inscrición con antelación ao remate do prazo, motivadas polo seu interese en formar parte dun evento gastronómico que cada ano que pasa está a ter máis importancia e prestixio a nivel nacional”.

As adegas, colleiteiros e organizadores seguimos a traballar na planificación deste evento que congregará a milleiros de #winelovers na capital comarcal en menos de dous meses.

Agardámoste alí!

Fontes: Benbo.eu, Ribeiro Dixital, La Voz de Galicia

Advertisements

Ribeiros do Miño: unha ruta polos viños de autor de tres adegas singulares

O Ribeiro, a denominación de orixe máis antiga de Galicia, situada na zona occidental da provincia ourensá e rodeada de exuberante vexetación formada por carballos, castiñeiros e piñeirais, inmensos pazos, pontes romanas, igrexas, capelas románicas, centos de hórreos e cruceiros que saen ao encontro do viaxeiro. Ese é o comezo da historia de hoxe e o punto de partida para chegar a Castrelo de Miño, cuna de tres senlleiras adegas que forman parte da Ruta do Viño do Ribeiro.

Adega María do Pilar

Adega María do Pilar é unha adega de colleiteiro situada en Casardeita, unha pequena aldea encravada na zona alta do concello de Castrelo de Miño, corazón da Denominación de Orixe Ribeiro. Un encantador lugar donde está arraigada a adega, as viñas e a nosa familia dende fai moitas xeracións.

Fundada en 1959 polo noso antepasado Manuel Vázquez López “O Deputado” logo de voltar de Vigo coa súa dona e súa filla, deixando atrás unha casa de comidas que rexentaba no Barrio da Pedra. Manuel apostaba así polo rexurdir de algo no que cría con firmeza, O Ribeiro.

A seguinte xeración decidimos continuar o traballo que el comezara e así recentemente en 2003, a súa filla, María do Pilar, remodela a adega dotándoa de toda a tecnoloxía necesaria para elaborar uns viños que estiveran á altura do que hoxe o consumidor esixía.

Dende os nosos comenzos cremos na calidade das variedades autóctonas e no coidado tradicional das viñas, por iso traballamos diariamente as nosas fincas coa única intención de ofrecerlles moito máis que un viño, elaborando con agarimo estes Ribeiros exquisitos.

Desfruten con nós de sensacións novas!

Adega Pousadoiro

En Barral, moi cerca do Miño, case tocando as súas augas atópase a Adega Pousadoiro. A historia desta adega xa ven de incontables xeracións aínda que modernamente hai 25 anos plántase unha viña nova con variedades autóctonas. Xa máis recemente modernízanse as instalacións.

Nesta aposta decidida de adaptación ás novas tendencias do mercado do viño, recoñecemos que a imaxe é un factor inseparable. Por eso fixéronse novas instalacións, nunha casona labrega tradicional, pertencente aos antepasados da familia, co senso de poder amosar os viñedos e a adega aos clientes. Este proxecto nace tamén para establecer no Ribeiro unha ruta turística polas adegas tradicionais, cunha clara distinción cara aos viños de autor.

Fermosa adega de colleiteiro na que toda a súa producción provén das propias viñas, o que lle confire ó viño unha personalidade única.

Adega Eduardo Peña

No lugar de Barral, fronte ó Miño e o seu Clube Nautico destaca a nova Adega Eduardo Peña, inquedo e coñecido empresario da hostelería e gran amante e promotor de jazz. A partir da terraza case transparente de vertixe, obsérvase unha paisaxe espectacular.

A adega integrada na paisaxe xurde na procura de aire a través dunha cheminea vertical, unha corrente de aire continua e graduable á vountade, a través de condutos baixo o terreo, que evita o uso de medios mecánicos e mantén unhas condicións óptimas para a elaboración do viño. Coa conseguinte optimización enerxética. É un achegamento ao xeito tradicional de construir a adega. A solución proposta baease na idea de ocultar no posible a peza onde se elaboran os caldos mediante a súa incorporación ao terreo aproveitando o desnivel da viña. Este feito ten a cualidade de preservar a peza dos cambios de temperatura exterior. O ambiente enterrado permanece a temperatura constante de 14º e 15º en inverno e verán respectivamente.

Este feito, xunto coa calidade e modernidade dos seus viños Eduardo Pena e María Andrea, con só uns poucos anos de vida, conseguiron converterse nunha referencia de alta calidade, facendo desta adega unha paraada obrigatoria.

Adegamariadopilar.com actualízase neste verán tan caluroso de 2013

Mantendo a mesma senlleira estética da páxina dende a súa creación , adegamariadopilar.com actualiza os seus contidos neste verán tan rechamante que nos toca vivir neste 2013.

Engadindo todos aqueles sitios de internet nos que nos podedes seguir tales como este blog de WordPress así como os perfís nas redes sociais Twitter e Google+. Ademáis de mostrar a nova imaxe dos nosos tres viños Rechamante, Senlleiro Selección e a edición limitadísima de Porta da Raíña, un branco con carácter elaborado coa mellor treixadura criada sobre lías. Un apartado novo para contactar con nós… e un longo etcétera!

En vez de seguir a explicarvos todos os cambios… non sería mellor que os descubrirades por vós mesmos!? Non deixedes de visitar a nosa humilde páxina adegamariadopilar.com!

Saúdos 😉