Samaín: A lenda da cabaza

Chega o outono. Tempo de castañas, noces, vento, follas secas e días escuros. É o tempo de recoller o millo e as cabazas. É tamén o tempo en que a rapazada fai as caveiras na cortiza das cabazas, seguindo unha antiga tradición dos tempos dos celtas.

image

A noite do 31 de outubro comezaba o aninovo celta, como aínda se celebra na illa de Man.

Os celtas, antigos habitantes de terras galegas, tiñan un grande respecto polos mortos. Ao chegar os días escuros do outono celebraban a chegada do ano novo e a súa festa na honra dos defuntos.

No Samaín, un dos seus costumes era poñer unha candea acesa dentro das caveiras dos inimigos mortos para que, ao escentilar pola noite, puxera medo no corazón da xente.

Xa hai moitos séculos que tal tradición se perdeu, máis hoxe en día aínda fica o costume de tallar caveiras na cortiza das cabazas e alumealas cunha candea no seu interior.

Co tempo, o cristianismo designaría o primeiro de novembro como día de Todos os Santos, e no século XII, ao día seguinte como día de Defuntos.

Fonte: IES Santa María do Mar

Receitas de outono: Coello con castañas

Propóñovos para celebrar ó quente estes días cristiáns e pagáns de Todos os Santos e Samaín, cunha receita que veu parar a este blog logo de dar unhas cantas voltas polo mundo. Esta receita é orixinaria do Restaurante San Miguel, sito na cidade das Burgas, e veño de apañala da páxina de Galicia Espallada, web de emigrantes galegos con dominio arxentino.

COELLO CON CASTAÑAS

Ingredientes para 6 persoas:
2 coellos,
1/2 kg. de castañas crúas,
250 g. de xamón do país,
2 dentes de allo,
1 cebola,
2 cenorias,
1 sobre de azafrán en rama,
un pouco de maicena
1 copa de coñá,
1 copa de xerez seco,
sal,
aceite.

Preparación:

Nunha cazola ó lume poñémo-lo coello partido co aceite e un dente de allo. Unha vez dourado, engadímo-lo xamón, a cenoria e a cebola ben cortados xunto co azafrán e o outro dente de allo. Botámoslle o coñac, o xerez e un pouco de caldo branco, dándolle unha pouca de espesura ó prebe con algo de maicena. Deixamos cocer uns 40 minutos, probámo-lo sal e engadímoslle as castañas, que tiñamos cocido antes. Prato moi recomendado para acompañar cun bo viño tinto do país.

Deixovos tamén un video moi recomendable de Dani Guzmán preparando un prato semellante en VTelevisión.

Bon proveito 😉