O Ribeiro viño oficial na XIII edición do Congreso Internacional Ibercom

O Ribeiro foi o viño oficial no cóctel de inauguración da XIII edición do Congreso Internacional Ibercom, que nesta ocasión se está a celebrar dende onte na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. No acto, celebrado ás 19.30 de onte, asistiron máis de 150 persoas de todas as nacionalidades, participantes no congreso, e o viño do Ribeiro estivo acompañado por produtos galegos con Indicación Xeográfica Protexida.

ibercom2013Como actividade complementaria ao congreso, máis de 60 participantes no congreso realizaron un pequeno percorrido pola D.O. Ribeiro o día previo á inauguración, seguido dun túnel dos viños do Ribeiro no Local Social da Madalena, ubicado no barrio xudeu de Ribadavia, acompañado dun cóctel de produtos galegos de calidade, harmonizados cos nosos viños. O obxectivo principal para con estes axentes da comunicación, turismo e cultura era o de achegarlle a nosa Denominación para que puideran comprobar de primeira man que detrás do viño do Ribeiro hai moito máis, non só é o fluído, senón que hai moita historia e cultura, viñedo e viticultores, así como adegueiros e unhas especiais condicións agroclimatolóxicas; e que o conxunto de todo isto fai que o Ribeiro sexa como é.

Fonte: Ribeiro.es

O Ribeiro recibe a Medalla de Ouro na V edición de Vinis Terrae

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro vén de recibir a Medalla de Ouro outorgada por Radioturismo, Aulincat (Aula Internacional de Cata) e Vinis Terrae no V Salón do Viño e os Licores Galegos de Calidade como recoñecemento á positiva colaboración cos organismos e ao afán na promoción dos viños de calidade tanto a nivel nacional como internacional. O galardón foi recollido polo presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso, a quen llo entregou o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, José Manuel Pérez Canal.

medalla ouro 1V Salón Vinis Terrae
O C.R.D.O. Ribeiro participou cun stand propio baixo o paraugas da Consellería do Medio do Rural e do Mar – Xunta de Galicia nesta quinta edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade Vinisterrae, que se celebrou os días 27 e 28 de maio en Expourense (Ourense).
Como actividade complementaria ao salón, os máis de 40 importadores e distribuidores fixeron un percorrido pola D.O. Ribeiro o pasado luns pola tarde, onde desfrutaron dun circuíto enotermal nas Termas de Prexigueiro, seguido dun túnel dos viños do Ribeiro no Local Social da Madalena, ubicado no barrio xudeu de Ribadavia, que incluiu un seminario sobre a Denominación de Orixe, acompañado dun cóctel de produtos galegos de calidade, harmonizados cos nosos viños. A nivel internacional acudiron importadores de países como Alemania, Canadá, Dinamarca, Suecia, Holanda, Estados Unidos, México, Brasil… e a nivel nacional participaron distribuidores de Madrid, Cataluña e Illas Baleares e Canarias.

Fonte: Ribeiro.es

Preséntase o “Diccionario da Alimentación e Restauración” da Real Academia Galega

Esta obra, un glosario de máis de 3500 termos traducidos ao castelán e o inglés, pretende contribuír á normalización do uso do galego no ámbito da hostalaría.

mendez ferrínO coordinador da obra e membro de número da Academia, Manuel González González, empezou a súa intervención destacando a plena coherencia da publicación deste dicionario co fin encomendado ao Servizo de terminoloxía galega, Termigal: o de ofrecer recursos terminolóxicos para facilitar o uso do galego en áreas lingüísticas especializadas, e informou: “Na elaboración desta obra participaron moitas máis persoas das que aparecen citadas na nómina de redactores, pois para crear un dicionario destas características é preciso contar tamén cos profesionais de cada sector, que son o seu destinatario”. A continuación, o académico destacou a importancia do sector hostaleiro na sociedade e na economía actuais, “a restauración está presente na nosa vida diaria e forma parte tamén da chamada paisaxe lingüística, é dicir, da visibilidade externa dunha lingua”. Manuel González rematou a súa intervención facendo un chamamento aos hostaleiros a empregaren o galego nos seus menús e como lingua de partida cos seus clientes.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, destacou , a utilidade do libro que estaban a presentar. “Esta é unha ferramenta fundamental á hora de promover a lingua nun sector tan importante como o da hostalaría, e que de seguro contribuirá a ampliar os ámbitos de uso do galego e a fomentar a súa visibilidade”. García Gómez rematou o seu discurso salientando a importancia da lingua como factor económico, “ter unha lingua propia é tamén un atractivo turístico”.

dicionario_alimentacion

O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, empezou a súa alocución sinalando que a cociña, como a lingua, son elementos culturais intimamente relacionados desde que o home conquistou o control sobre o lume, e advertiu: “Vemos tamén que a cociña pode ser un elemento desgaleguizador, pois a lingua de maior prestixio tende a desprazar á outra de todos os ámbitos posibles”. O presidente da Academia citou os casos da substitución dos termos galegos pescada, xouba e robaliza polos seus equivalentes casteláns, e matizou: “Iso si, hai outras palabras como zamburiña ou vieira que son indestrutibles”. Méndez Ferrín rematou o seu discurso facendo referencia á rica tradición de cultivadores de literatura gastronómica no noso país, “non hai moitos países que conten cun Cunqueiro, un Castroviejo ou un Picadillo, e este libro será unha ferramenta valiosísima para os novos escritores que queiran tratar da cociña”.

O Diccionario de alimentación e restauración pódese consultar aquí.

Fonte: Real Academia Galega